2º certame benito losada de banda deseñada

Se na edición das Xornadas de 2012 nos marcabamos como o maior dos desafíos a recuperación da convocatoria dos Premios de Banda Deseñada que comezaran levando o nome das Xornadas e posteriormente tiveran continuidade renomeados como Na Vangarda e GZ-Crea, nesta segunda convocatoria do Certame Benito Losada de Banda Deseñada continua desafiándonos o Premio para a súa consolidación, conscientes da importancia do mesmo para o sector da BD galega, nomeadamente para os novos creadores e creadoras.

A esta segunda convocatoria concorreron 14 autores/as que enviaron 20 traballos -manténdose portanto o nível de participación a respecto de 2012- que foron analisados e avaliados por un xuri composto polo deseñador e dinamizador da banda deseñada Kiko da Silva, o libreiro especializado Simón Blanco e o guionista de cómics e letrista Carlos Rafael, con Xavier Paz como secretario sen voto representando a Fundación Benito Losada.

Para este 2º Certame Benito Losada de Banda Deseñada establecéronse dúas categorías segundo as idades dos participantes -unha primeira para menores de 17 anos e a segunda até aos 35- pois así o aconsellaba a experiencia da participación do ano anterior.

Na categoria para menores de 17 anos

1º premio Cristian Fojón Caruncho
Mención especial do Xurado para Breixo Mosquera Freire

Na categoria para maiores de 17 anos até os 35

1º premio Xulia Vicente Jiménez
2º premio Uxía Larrosa Villanueva
Mencións especial do Xurado para Giovanna Lopalco e para José Nuno Fraga