exposicións

Historias de Galiza

Historias de Galiza en Banda Deseñada foi tal vez o último grande proxecto co cómic como pano de fundo que asumiu Benito Losada. Inicialmente o proxecto era outro, tratábase de levar a BD clásicos contemporáneos da literatura galega: o Merlín de Cunqueiro, a esmorga de EBA, o ollo de vidro de Castelo, lobos de Fole e ainda outras até unha ducia de obras e autores para os que o goberno galego comprometera financiamento e chegara mesmo a anunciar no Parlamento como aparece reflectico no diario de sesións. Apenas a tentativa depredadora de quen detenta os direitos destes autores foi quen de paralisar primeiro e invalidar finalmente o proxecto; neste contexto surxiu a oportunidade de levar a BD non unha historia de Galiza, mais unhas historias ambientadas nos diferentes tempos históricos que finalmente viron a luz en tres tomos que comprenderon desde os albores da historia até á Idade Media. Nada tendo que ver os tempos políticos cos tempos de creación cultural, as mudanzas gobernativas impediron a continuidade e finalización do proxecto, ficando en tres os tomos editados dos cinco previstos, tomos que completaban 25 historias e máis de 500 páxinas de banda deseñada. Mesmo a baixa categoría dos novos gobernantes impediu poder cobrar os traballos finais de edición –salvados in extremis os das autorías- nunha prática prepolítica ou talvez postpolítica, que confunde goberno con institución.

Mostra daquel labor director Benito Losada é a exposición do mesmo nome Historias de Galiza en Banda Deseñada, que acolle os traballos dos cinco autores participantes inicialmente no proxecto: Idioia de Luxán Vázquez, Jerónimo Piñeiro de Castro, Juan Luis Pérez, Carlos Alfonzo Fernández e Jaime Eizaguirre Santillán que traballaron durante os anos 2008 e 2009 sobre os guións e argumentos de Carlos Rafael Ramos e a dirección de Benito Losada. Eis o elenco destas Historias que hoxe teñen continuidade nas paredes do Museo Municipal de Ourense, e quen sabe se un dia terán continuidade e conclusión cos dous tomos que restan e que Benito Losada deixou ideados.

Exposición no museo municipal do 3 ao 27 de outubro

19 anos do Fanzine das Xornadas

O Fanzine das Xornadas viu a luz o seu primeiro número no ano 1994 coincidente coas VI Xornadas cando a iniciativa estaba xa plenamente consolidada. Da mao de Benito Losada, aquel primeiro número correu xa baixo a coordinación de Henrique Torreiro, persoa que xogou un papel non só fundacional senón fundamental no decorrer da publicación durante as case duas primeiras décadas de existencia da mesma.
Nestes 20 anos transcorridos moito ten mudado o mundo da banda deseñada en xeral e o galego en particular. Quen reler o editorial daquel primeiro Fanzine tomará consciencia de que en Ourense nen existía tradición cultural nen editorial no mundo do cómic, mais non é que non existise tradición en Ourense: Galiza estaba case herma e o panorama na península non era moito máis avanzado. Nen sequer o nome do xénero estaba fixado en galego naqueles anos fundacionais das Xornadas, como o cronista do auto-odio e censor de oficio deixaba escrito na prensa local cando se preguntaba porque un galicismo para o xénero cando existía a palabra cómic (sic): portanto, mesmo na fixación do nome da nona das artes, as Xornadas de Ourense exerceron esa responsabilidade e tiveron esa honra, mais unha vez coa preclara razón e firme actuación do director das mesmas.

Previo a O Fanzine foran editados os catálogos dos Certames Ourense de Banda Deseñada ou os catálogos da Exposición Internacional de Fanzines e ainda os de outras exposicións puntuais, o que foi contribuindo a crear a consciencia da necesidade de dotar dunha publicación propia as Xornadas, unha publicación que non só dese conta do programa das mesmas senón que tamén servise como mais unha publicación da BD galega en que fosen aparecendo traballos dos incipientes deseñadores que, na cidade de Ourense e a pesar da falta de tradición cultural e editorial con que se abría a editorial do Fanzine daquel 1994, tiña na Frente Comixario de Ourense a vangarda artística, cultural e activista do xénero e que daba base social ao movimento na cidade coa Casa da Xuventude como espazo de referencia social e inxerencia institucional.

Exposición de orixinais e facsímilares.
No museo municipal do 3 ao 27 de outubro

Premiados 1º Certame Benito Losada de Banda Deseñada

primeiro premio
Cristian Fojón Caruncho

segundo premio
Giovanna Lopalco

terceiro premio
Xulia Vicente Jiménez

mención especial
Shi Qi Luís Yang

 

Exposición no museo municipal do 3 ao 27 de outubro

Cómic Injuve 2012

A exposición mostra as historietas de 9 dibuxantes que, mediante o emprego xa xeneralizado de soportes informáticos, son exponentes das últimas tendencias en cómic.

Premios:
Jon Juárez
Elías Taño


Accésit:
Alexis Nolla
François Pagès


Accésit ex aequo:
Maite Caballero
Marc Torices


Artistas seleccionados:
Ximo Abadía
Pau Anglada
Irati Fernández


Comisario:
Antonio Altarriba

Xurado:
Antonio Altarriba, Premio Nacional de Cómic 2010.
Cristina Durán, Historietista.
Pablo Jurado, Presidente de la Asociación Profesional de Ilustradores de Madrid.
Lola Lorente, Premio Ilustración Injuve 2006.
Mónica Vergés, Xefa de Servicio do Área de Iniciativas, Injuve.

 

Exposición no museo municipal do 3 ao 27 de outubro