OURENSE, 1 A 17 DE OUTUBRO DE 2010
exposicións
actividades
horarios, enderezos, entidades
EXPOSICIÓNS


Pablo Auladell

Pablo Auladell (Alacante, 1972). Foi gañador do premio ao autor revelación no Saló de Barcelona de 2006 por La torre blanca, recentemente reeditado; en 2002 fora candidato ao mesmo premio con El camino del titiritero. En 2008 publicou Soy mi sueño, con guión de Felipe Hernández Cava. Ten colaborado en diversos álbums colectivos (como Tapa roja, Plagio de encantes ou El corazón de las tinieblas, en Ediciones Sins Entido), e desenvolve unha frutífera carreira na ilustración de libro infantil e xuvenil; así, foi finalista do Premio de Ilustración concedido polo Ministerio de Cultura en 2004 por Peiter, Peter y Peer y otros cuentos de Andersen.

http://www.pabloauladell.com

No Museo Municipal

Clara-Tanit Arqué

Clara-Tanit Arqué (Xirona, 1981). Foi galardoada cun accésit de cómic polo Certame do Injuve en 2007. Tras colaborar en fanzines como Lunettes ou Fanzine Enfermo,  publicou os álbums Wassalon e ¿Quién ama a las fresas? (ambos en Astiberri), pasando a ser un dos centros de atención do panorama da banda deseñada actual.

http://claratanit.blogspot.com

No Museo Municipal


Manuel Bartual

Manuel Bartual (Valencia, 1979) é colaborador das revistas El Jueves, El Manglar e Fluide Glamour, e autor dos libros Sexorama (Ediciones El Jueves) e ¡Escucha esto! (Astiberri). Ademais, na súa faceta de deseñador gráfico colabora coas editoriais Astiberri e Dibbuks, onde coordina a revista El Manglar. Tamén dirixe e deseña a publicación de deseño Nomagazine.

http://www.manuelbartual.com

No Museo Municipal


João Fazenda

João Fazenda (Lisboa, 1979) vive e traballa entre Lisboa e Londres. Ilustrador de libros, prensa e revistas (como Visão, Público, Jornal de Letras, Magazinartes ou Atlântico), tamén se dedicou ao cinema de animación. Como autor de banda deseñada publicou, con argumento de Marte, tres volumes da serie Loverboy (Edições Polvo, 1998-2002); publicou tamén con Nuno Artur Silva As incríveis aventuras do Rapaz de Papel (Bedeteca de Lisboa, 1999), e con Pedro Brito Tu és a mulher da minha vida, ela a mulher dos meus sonhos (Edições Polvo), pola que obtivo en 2000 o premio ao mellor libro de BD no Festival de Amadora. Exposición producida polo Festival de BD de Beja.

http://www.joaofazenda.com

Na Casa da Xuventude





"Sen mirar atrás" de Dani Montero

Obra premiada en 2009 Premio Castelao de Banda Deseñada, que concede anualmente a Deputación da Coruña, Sen mirar atrás foi publicada agora por Demo Editorial. Dani Montero (Catoira, 1977), o seu autor, dedícase profesionalmente ao cinema animación, e publicou anteriormente historias curtas en fanzines e revistas como Chámalle X, Alopecia Mental, Golfiño ou Barsowia.

Na Casa da Xuventude

José Domingo

 


Certamen de Cómic e Ilustración
Injuve 2009


Gañadores e seleccionados do certame organizado anualmente polo Instituto de la Juventud (Injuve). Inclúe as obras de José Pablo García, Xavier Tárrega, Joan Cornellà, José Domingo e Roberto González na modalidade de cómic, e de María Corte, Miguel Porlán, Laura Wächter, Diana Bóveda, Iván Bravo, Ricardo Fumanal, Ignacio Serrano, Mar Villar, Marisa Morea, Luis Núñez de Castro e François Pagès na de ilustración.

No Museo Municipal

Diego Blanco

 


«Xuventude Crea» Banda Deseñada 2010

Obras gañadoras da edición deste ano do concurso convocado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, cunha dotación de 5.500 euros en premios: cómics a cargo de José Domingo, Diego Blanco e Miguel Cuba Taboada.

http://www.xuventude.net

Na Casa da Xuventude

Miguel Robledo

 


Un camiño de viñetas

A visión de varios dos máis destacados autores galegos de banda deseñada sobre o camiño de Santiago. Contén obra de Carlos Arrojo, Diego Blanco/Kike Benlloch, Cosme, Manel Cráneo, José Domingo, Jacobo Fernández Serrano, Alberto Guitián, Jano/Rodrigo Cota, Miguel Robledo, Brais Rodríguez, Martín Romero, David Rubín, Kiko da Silva, Iván Suárez e Alberto Vázquez. Mostra organizada pola Consellería de Cultura e Turismo para o posto oficial galego no Saló del Còmic de Barcelona 2010.

No Auditorio Municipal de Ourense