OURENSE, 4 A 22 DE OUTUBRO DE 2006
exposicións
actividades
horarios, enderezos, entidades
EXPOSICIÓNS

Carlos Vermut

Carlos Vermut (Madrid, 1980) fixo ilustracións para xornais e revistas (El Mundo, Man) e campañas de publicidade, e traballou tamén en animación. En banda deseñada, publicou en diversas revistas como Dos Veces Breve, ¡Dibus!, El Manglar ou a nova etapa de BD Banda; ademais, os seus monográficos Mighty sixties (Amaniaco, con guión de Pedro Belushi, en 2001) e El banyan rojo (Dibbuks, en 2006). Conseguiu tamén un dos premios Injuve de Cómic e Ilustración 2006.

 

No Museo Municipal

Máis información www.carlosvermut.com

Pepo Pérez

Pepo Pérez (Málaga, 1969) é autor de carteis e de ilustracións para revistas como RockDeLux, así como de story-boards para curtametraxes e clips musicais, no referente a BD publicou Orígenes Jaque Mate: Sangre (Planeta-DeAgostini, 1999, con guión de Juan Carlos Cereza), colaborou no libro colectivo La Historia del Blues (Under Cómic, 2000) e realizou os dous álbums da serie El Vecino (Astiberri, 2004-2006, con guión de Santiago García). Ao seu labor como autor hai que engadir a súa faceta como crítico e teórico en revistas como U, Volumen, 9º Arte, RockDeLux e El Periódico de Catalunya, así como a través do seu weblog Con C de Arte.

No Museo Municipal

Máis información www.pepoperez.com

 

Lola Lorente

Lola Lorente (Bigastro, Alacante, 1980) estudou Belas Artes en Valencia e Barcelona. É unha das máis activas colaboradoras do desaparecido Fanzine Enfermo, e merecedora de varios premios en concursos, como un accésit nos premios do Injuve de Cómic en 2003 e un dos premios no mesmo certame, na categoría de Ilustración, en 2006. Publicou as súas BD tamén en revistas como NSLM, Dos Veces Breve, TOS, Humo e Ganadería Trashumante.

No Museo Municipal

Máis información www.lolalorente.blogspot.com

Certamen Injuve de Cómic e Ilustración 2006

Traballos dos gañadores e accésit desta edición convocada polo Instituto de la Juventud: David Rubín, Carlos Vermut, Diego Blanco, Comic’s Blood, Francisco Javier Gandía, Tomás Gimeno, Brais Rodríguez e Roque Romero no capítulo de BD, e Mirjana Farkas, Lola Lorente, Raquel Aparicio, Gerard Armengol, Ana Bellido, Laia Casals, Enriqueta Llorca, Diego Javier Marmolejo, Cristina Sahuquillo, Carmen Segovia e Gina Marie Thorstensen no de ilustración.

No Museo Municipal


ConSecuencias: Historieta uruguaya


Exposición coordinada por Felipe Hernández Cava para o Injuve. Obras de Rodrigo Acevedo, Matías Pedro Bergara, Nicolás Branca, Ignacio Calero, Marco Galtieri, Gabril Ciccariello, Gonzalo Eyherabide, María Eugenia Ferreiro, Gabriel Frugone, Gustavo Martín González, Rafael Juárez, Roberto Poy, Fabián Rodríguez, Hernán Rodríguez, Sebastián Santana e Renzo José Vayra.


No Museo Municipal


Dez anos de BD galega

Un repaso aos autores fundamentais nestes últimos anos no panorama da banda deseñada en Galicia. Mostra organizada pola Agpi, coa colaboración do festival Viñetas desde o Atlántico.


No Ateneo de Ourense
GZcrea 2007

Pranchas dos traballos gañadores e seleccionados na modalidade de Banda Deseñada do Certame Galego de Creadores Novos, convocado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia.


Na Casa da Xuventude

Máis información www.gzcrea.net
Riscos do natural. José Ruy

Repaso á extensa carreira de José Ruy (Amadora, 1930), un dos clásicos do cómic feito en Portugal, con participación en case todas as revistas históricas de BD do mercado luso, como O Mosquito ou O Cavaleiro Andante. Os seus álbums supuxeron un avance na banda deseñada portuguesa, na cal introduciu a adaptación de obras literarias como Os Lusíadas; a súa História da Cruz Vermelha foi traducida a dez idiomas. Exposición organizada polo Centro Nacional de Banda Desenhada e Imagem da Amadora.


Na Casa da Xuventude
Premio Castelao 2007

As páxinas do álbum Aventuras de Cacauequi (edición anotada), de Jacobo Fernández, que gañou este concurso —convocado, como nas súas dúas edicións anteriores, pola Deputación da Coruña—, cuxo xurado estivo composto por Salvador Fernández Moreda e Caridad González Cerviño, en representación da Deputación, e mais os autores Miguelanxo Prado, Antonio Seijas, Ángel de la Calle, Carlos Portela e Agustín Fernández Paz.


No Edificio Politécnico do Campus de Ourense
Delicatessen: Diego Blanco

Miniexposición en que o autor escolle dez pranchas para mostrar en marcos autoiluminados. Diego Blanco (Viveiro, 1981) estudou Belas Artes en Pontevedra, e levou xa varios premios en distintos certames, caso de varias edicións dos concursos da Xunta. Activo membro do colectivo Polaqia, publicou en fanzines e revistas como Carne Líquida ou Barsowia, e forma parte da experiencia colectiva de Ediciones Ultralimitadas. En 2006 colaborou nas publicacións colectivas Capital (De Ponent) e Barsowia en llamas (Dolmen), e publicou o seu monográfico Tanque familiar.


Na Biblioteca do Campus de Ourense