OURENSE, 4 A 15 DE OUTUBRO DE 2005
exposicións
actividades
horarios, enderezos, entidades
EXPOSICIÓNS
Sonia Pulido

Sonia Pulido (Barcelona, 1973) é unha das máis interesantes ilustradoras do panorama peninsular actual. Colaboradora habitual de El País Semanal, gañou en 2002 o Premio de Ilustración do Injuve. A súa faceta como historietista é coñecida a través do seu fanzine Angela Chaning’s Project e das revistas Dos Veces Breve, NSLM e TOS.

No Museo Municipal
Lorenzo Gómez

Lorenzo Gómez (El Ejido, 1972) é o autor de El diario sentimental de Julián Pi, publicado en España por Astiberri e en Francia por 6 Pieds Sous Terre. Ten colaborado ademais coas revistas TOS e Dos Veces Breve. En 2001 gañou o Premio de Historieta do Injuve.

No Museo Municipal
‘Visión imposible’, de Javier Olivares

Retrospectiva da obra en cómic e ilustración de Javier Olivares (Madrid, 1964). Colaborador de revistas como Madriz e Medios Revueltos, e, máis recentemente, de Idiota y Diminuto e NSLM, a súa obra en BD ten sido publicada nos álbums Los estados carenciales e La caja negra; como ilustrador destaca o seu traballo para o libro Los niños tontos, de Ana María Matute, e para as revistas El País de las Tentaciones e Rolling Stone. A exposición coincide coa publicación do seu libro Los cuentos de la Estrella Legumbre en Ediciones Media Vaca.

No Museo Municipal

Máis información www.jez.hall.zen.co.uk/JavierGallery.htm
David Rubín

Coincidindo coa decisión do xurado do Premio Castelao de BD, que fará que a súa historia longa Onde ninguén pode chegar sexa publicada en galego, e a próxima edición da mesma historia en castelán (a cargo de Astiberri Ediciones) e en portugués (por Polvo Edições), as Xornadas de Ourense ofrecen unha retrospectiva do traballo de David Rubín (Ourense, 1977), autor infatigábel dedicado aos mundos da animación e da banda deseñada.

No Museo Municipal

Máis información www.agpilustracion.org/galeria/ilustrador.php?id=19

Galegos en ‘Mister K’


Pranchas de Kiko da Silva, Javi Montes e Miguel Robledo, Víctor Rivas (con guión do navarro Bernardo Vergara), Santy Gutiérrez e Alberto Guitián publicadas na revista Míster K, semanario (agora mensual) publicado por Ediciones El Jueves desde outubro de 2004.

No Edificio Politécnico do Campus de Ourense

Máis información www.revistamisterk.com

‘BD Banda’

Selección de pranchas e bosquexos das historietas incluídas na revista galega BD Banda, que chegou xa ao seu número 6 e conseguiu este ano o Premio ao Mellor Fanzine no Saló del Còmic de Barcelona, así como o Premio Ourense de BD á mellor iniciativa.

Na Sala de Exposicións da Casa da Xuventude

Máis información www.bdbanda.com
I Premio Castelao de BD

Pranchas do álbum gañador (Onde ninguén pode chegar, de David Rubín) e o finalista (O que deixa un home morto, de Antonio Seijas Cruz) do concurso convocado pola Deputación da Coruña, que contou no xurado coas figuras de Agustín Fernández Paz, Miguelanxo Prado e Carlos Giménez, e que estivo dotado cun premio de 6.000 euros.

No Auditorio Municipal
Toupeira – Atelier de Banda Desenhada

O «Toupeira – Atelier de Banda Desenhada» xurdiu en Beja, ao sur de Portugal, en 1996, e gran parte dos autores que o integraron en 1996 continúan ligados a este colectivo. Ao longo destes anos publicaron máis de 20 fanzines e algúns destes autores son xa recoñecidos no panorama luso, co seu traballo publicado en revistas e xornais de todo tipo. Esta exposición reúne pranchas de Catarina Julião, Carlos Páscoa, Lam, Lastik, Lobato, Maria João Careto, Paulo Monteiro, Sílvio Miroso, Susa Monteiro, Véte e Zé Francisco.

No vestíbulo da Casa da Xuventude
Certame ‘Na Vangarda 2005’

Obras gañadoras e finalistas na segunda edición deste concurso convocado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia, que está dotado con máis de 10.000 euros en premios.

No salón da Casa da Xuventude