Vilar dos Fillos

«Vilar dos Fillos»

250€

Papel Guarro Superalfa 250 g/m2
Presentado nunha caixa de madeira con tampa de metacrilato, especialmente deseñada para a ocasión
Edición: xuño de 2004

2 en stock


Categoría:

Dezasete poemas de Xosé María Álvarez Cáccamo con cadanseu gravado orixinal de Manolo Figueiras. Prólogo de Manuel Outeiriño.
Edición limitada de 40 exemplares numerados e asinados polos autores. Técnicas de gravura: xilografía, augaforte e gofrado.
Unha recreación do mundo da infancia a través dos ollos dun dos poetas de maior influencia na literatura galega actual. Con esta, iníciase unha nova serie de edicións singulares.

«O que chamamos “literatura imaxinativa” ten sempre relación cos espectros, coas influencias. As relacións que mantén co poder político son, ó cabo, insubstanciais. Literatura e poder estatal habitan casas separadas. Se os criterios literarios sobreviven ó reducionismo sociolóxico, farano porque algúns aínda reafirman literatura e arte polo que teñen de logro estético, aínda que a literatura se poida usar a favor dos intereses dos políticos, ou de clase, como ben fixo o noso Celso Emilio Ferreiro e como ben sabe facer o noso Cáccamo, cando de certo cómpre. A literatura innovadora, imaxinativa, poética, require unha posición, ou stanza, como a que se evoca nos primeiros versos de Vilar dos Fillos.

A gran literatura fúndase nos tropos, no trobar, virar e escapar non só do literal, senón tamén dos tropos anteriores. A obra de Cáccamo lidou acertadamente co terror literal (caso dos pregos de cargos ou dos informes oficiais terroríficos —coma aqueles referidos ó doutor Darío Álvarez Limeses, indicados en Os cadernos da Ira e no poema “Xogos florais” de Colección de espellos). A obra de Cáccamo librounos tamén, decote, de tropos anteriores e resesos, de retóricas vellouqueiras. Só teño que dicir que gusto máis dos gatos de Cáccamo (ou daqueloutro gato de taberna do Bernardino Graña) ca dos de Baudelaire, que comentou brillantemente Jakobson. Di Cáccamo: “seremos como gatos misturados / na tinta de luz negra, como peixes”.

A gran literatura abre mundos. Líbranos da infamia grazas á imaxinación e ó poder da palabra (“Soñar é ter memoria, resistir na memoria”, escribiu Cáccamo en Luminoso lugar de abatemento). A literatura permítenos escapar, pola figuración e a invención, do resentimento que nos encora e nos empraza nas horribles instancias da ideoloxía miserenta e a economía da escaseza. A poesía ten sempre un seu aquel de exceso. Así as palabras excelentes de Cáccamo, mesmo cando se escanden e conteñen.

Cáccamo foi sempre poeta de dicción atlántica, e moi nomeadamente dende Praia das furnas. A poesía deste vigués, de vistas sempre amplas, oceánica, transmite a convicción das virtudes do “home primeiro”, que dixo Derek Walcott. Segundo o antillano, “é o respecto polo numinoso, o privilexio elemental de nomea-lo novo mundo, o que aniquila a historia dos nosos grandes poetas; todos comparten esa euforia, tanto ten que se aliñen con herdo de Crusoe e de Próspero ou co de Venres e Calibán. Rexeitan os antecesores étnicos por fe no home elemental. A visión, a ‘perspectiva democrática’, non é metafórica, é unha necesidade social”. Dicía tamén Walcott: “O novo mundo non lle ten que importar ren se o vello continente volve toma-la determinación de estoupar, pois a obsesión do progreso non está na psique dos recentemente escravizados. Tal é o segredo amargo da mazá. A visión do progreso é a loucura racional da historia vista a xeito de tempo secuencial, a xeito de futuro dominado”. En Vilar dos Fillos non hai visións de futuro dominado, senón indómito, aberto. Non é de estrañar, logo, atopar figuracións do infinito e procura continua, no poema que comeza “¿De que augas vén o mar?”, no verso “Sabíamos que o Norte é a flor de ningures” e tamén nestas liñas que amosan o milagre da fala: “Soñas coa luz primeira das primeiras palabras / e se pronuncias auga rebenta a miña sede”.

A poesía de Álvarez Cáccamo relacionouse adoito coa influencia benigna dunha familia de literatos, ou coa angustia que sempre se dá no complexo espectro da filiación. Ora ben, a angustia e a influencia non gardan relación cos devanceiros. Esa angustia da influencia, da que falou Harold Bloom, é, máis ben, sentimento que se acada só no proceso consciente de escribir novelas e ensaios. A angustia da influencia xorde da preocupación pola orixinalidade. A este respecto, Vilar dos Fillos, coma Vocabulario das orixes, é obra depuradísima, cabo, polo de agora, dun complexo e fecundo proceso que se plasmou, pomos por caso, en Arquitecturas de cinza, Os documentos da sombra, Luminoso lugar de abatemento e Cimo das idades tristes.

Trabúcome quizais ó falar de “angustia das influencias” no limiar deste libro luminoso de Cáccamo, pois son os seus poemas sempre “buguina que ecoa un cantar de agoiros felices”, como escribiu hai anos en Aloia. Este limiar non ha demorar máis o triunfo da poesía, da vida. Só resta dicir ó primeiro: poeta, beizón.»

MANUEL OUTERIÑO
Prólogo do libro

Peso 755 g
Dimensións 18 x 25 cm