“Berto Macei, constrúe o que semellan frames do período clásico do Film Noir, liberándose do complexo que supón repetir unha gramática manida desde a década dos corenta e nacida logo da depresión do 29. A propia nomenclatura que enfeixa as imaxes que nos presenta é clara, aliás de cada recurso que emprega na linguaxe visual, cada elemento que fotografa, ou o senlleiro xeito de evocación para quen ve as súas fotos, que rememoran fielmente os xeitos e procederes de directores como John Huston, Fritz Lang, Orson Wells, Robert Siodmak ou Charles Laughton.
En canto á forma, nesta serie fotográfica, o autor entende perfectamente o que xa dixera James Monaco en American Film Now, referente a que o Film Noir non é un xénero per se, senón mais ben un estilo visual. Por tanto, nas súas fotos podemos ver claramente unha estética fortemente influenciada polo expresionismo alemán ben pola iluminación ou a ausencia dela, ben polo punto de vista.
Mais se atendemos ao fondo, tamén Macei nos leva – coma os filmes – ao realismo poético francés cunha sorte de fatalismo que rodea ás personaxes que fotografa ou aos sempre recorrentes heroes vidos a menos. En cada imaxe vai facendo énfase na autenticidade, coma no neorrealismo italiano. Se The lost weekend ou In a lonely place se esforzan por retratar persoas comúns ou con vidas ordinarias, botando man de extras non profesionais, en Le cirque noir faise a elección consciente dun circo despoxado de ostentosidades que camiña no mole gume entre o espectáculo e a decadencia.” dinos Vítor Nieves coordinador do certame.
Este libro mostra un dos dous traballos premiados ex aequo na 2ª edición do PREMIO GALICIA DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA convocada polo Festival Outono Fotográfico, a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
«Le cirque Noir»
20€
Col. OF II
Premio Galicia de Fotografía Contemporánea
Depósito legal: OU 314-2014
ISBN 978-84-92958-29-0
44 páxinas en bitono
24 fotografías
Encadernación en capa mole con lapelas completas
Primeira edición: febreiro 2015
En stock
Peso | 78 g |
---|---|
Dimensións | 20 x 22.7 cm |