Presentación de «Nobres vencellados ao Castelo de Maceda» de Santiago Prol
O sábado, 4 de abril de 2009, presentouse na Torre da Homenaxe do Castelo de Maceda, o rigoroso estudo Nobres vencellados ao Castelo de Maceda de Santiago Prol, editado pola Difusora e patrocinado pola Consellaría de Cultura e o Concello de Maceda.
Diante dun cento de persoas interviron o alcalde de Maceda, Xabier Oviedo, o editor Xavier Paz, o delegado de cultura da Xunta Antonio Blanco, o director xeral de acción social Bieito Seara e o autor Santiago Prol.
Comezou o acto coa audición da cantiga nº 100 de Santa María de Afonso X o Sabio e cunha proxección de duascentas fotografías e documentos relacionados cos nobres que abrangue o libro: María Fernández, Afonso X, Pedro Iáñez de Nóvoa, João da Nova, o Panteón de Nóvoas Egrexios e os condes de Maceda, dende Alonso de Lanzós e Nóvoa até a actual condesa Lucía Pan de Soraluce Casani e Losada.
Como ben dixo o autor: “A nosa historia, a nosa tradición e o noso territorio teñen que facernos sentir orgullosos de nós mesmos”. Unha achega que soborda o ámbito local.