Faustino Santalices

Faustino Santalices Pérez é figura fundamental da música popular galega na primeira metade do século XX. As súas reflexións e aportacións na estandarización da gaita e na recuperación da zanfona colócano na centralidade do proceso de recuperación e valorización do patrimonio musical de Galiza. A súa extrema curiosidade acentuou o seu perfil de investigador e excelente instrumentista, así como a interiorización dos sons da zanfona moldeou a súa voz dotándoa dunha persoalidade inconfundible.

Pola súa trascendencia e coincidindo co 50 aniversario da súa morte, abordouse un programa amplo e profundo de estudo e exposición da súa obra e de posta ao día creativa do seu legado. Con este programa, pretendeuse aproximar ao grande público a figura de Santalices no contexto sociocultural en que desenvolveu os seus procesos creativos, interpretativos e, nomeadamente, os procesos científicos e de investigador.

Estes procesos en que empeñou unha vida, permitíronlle idear e fixar os métodos e ferramentas para a construción do actual padrón de gaita, así como a recuperación definitiva da zanfona, que con aquela ocupa o epicentro da historia musical desta vella nación europea.

 

EXPOSICIÓN

«Faustino Santalices, tradición musical galega»

5-Portada-Libro-catalogo-SANTALICES Curadores: Cástor e Félix Castro Vicente. Patrocinio: Xunta de Galicia, Museo Etnolóxico de Ribadavia. Produción: Difusora de Letras, Artes e Ideas

A exposición, estruturada en nove apartados, fai un percorrido biográfico que dá conta das súas investigacións e creacións, da súa dimensión como artesán, luthier e científico e da súa relevancia como extraordinario divulgador da nosa tradición musical.

Contén tamén fotos, revistas, libros, discos e diversos obxectos do seu entorno vital máis próximo, así como abundante material audiovisual no que o seu fillo D. Faustino Santalices Muñiz nos desvela os métodos de traballo do seu pai.

Os instrumentos, pezas e unha parte sustancial da documentación contemplados nesta exposición foron xenerosamente cedidos por D. Faustino Santalices Muñiz e familia, sendo este o depositario do legado do seu pai e persoa fundamental para entendermos doadamente o significado da obra de Faustino Santalices Pérez.

APARTADOS DA EXPOSICIÓN:
1 Introdución
2 Notas biográficas
3 Faustino Santalices gaiteiro
4 Zanfonista. O último xograr galego
5 Artesán
6 Investigador e folclorista
7 Divulgador
8 Actuacións e conferencias de F.S.
9 Anexo documental e audiovisual

Imaxes da exposición no Museo Municipal de Ourense:

 

CONCERTO

«Sanfonices: concerto homenaxe a Faustino Santalices. A zanfona na Galiza no s. XXI»

Sanfonices: concerto homenaxe a Faustino Santalices. A zanfona na Galiza no s. XXI

Este disco foi gravado por unha vintena de zanfonistas como homenaxe creativa e interpretativa a Faustino Santalices, figura fulcral no proceso de recuperación de usos e espazos para zanfona na Galiza contemporánea.

Sanfonices inclúe temas gravados ao vivo e en estudio. A selección de intérpretes foi decidida en ámbitos e momentos diferentes. Unha primeira correspondeu aos dinamizadores quen seleccionaron dez zanfonistas que podían conformar un grupo de referencia e representativo do traballo colectivo dos últimos vinte anos; unha segunda escolla correspondeu aos propios zanfonistas a quen se lles pediu e encomendou que apadriñasen a participación doutros dez intérpretes. O resultado é este disco con vinte gravacións que recollen unha mostra fiel e fiábel dos diferentes estilos, técnicas, tendencias, repertorios e organoloxías da zanfona que conviven e combinan na Galiza de inicios do século XXI.

PARTICIPANTES:

01 Pancho Álvarez. Romance de Don Gaiferos de Mormaltán
02 Jesús Pérez Saburido. O Sil
03 Antón Castro. A pastora fiel
04 Víctor Soto e Iván Abal. Xota de Negreira
05 Jaime Rebollo e Rafael Maquieira. Canto de Toutón
06 Iván Costa. A miña burriña
07 Paulo González Rodríguez. Prelude
08 Iván Abal e Paulo González Rodríguez. Variationen zur gesundung von arinuschka
09 Begoña Riobó. Marcha procesional e Fandango de Redondela
10 Tino Baz. Alalá de Bande
11 Xaime Rivas e Fabio Cebral. Alborada antiga de Ourense
12 Ariel Ninas. Improvisación I: homenaxe a F. S.
13 Lucía Comesaña e David Bellas. Alea iacta est
14 Óscar Fernández. Rosiña e mailo trasno
15 Pablo Bernárdez e Óscar Fernández. Típica
16 Gutier Álvarez. Bumeigho e Jota castellana
17 Luís Caruncho e Carlos do Viso. Foliada de Padroso
18 Anxo Pintos. Alalá dos Elefantes. Microalalá do silencio. Limóns
19 Cayetano Amenábar. Marcha de Santa Lucía pra Rairo
20 Carlos Beceiro. Troula de Campañó

DIRECCIÓN: Cástor Castro
ASESORAMENTO MUSICAL: Cástor Castro, Félix Castro e Pancho Álvarez
PRODUCIÓN DA GRAVACIÓN: Abana Eventos, Sonorde e Difusora de Letras, Artes e Ideas
GRAVACIÓN: José Luis Cardoso, Diego Basadre e Óscar del Río
MESTURAS: José Luis Cardoso, Diego Basadre e Cástor Castro

 

CONGRESO

«Faustino Santalices. Ciencia da gaita, consciencia da zanfona. Tradición musical galega»

CARTEL FAUSTINO SANTALICES
Os contributos de Faustino Santalices á música popular galega nin tiñan sido suficientemente estudados nin as súas aportacións tiñan sido revisadas. Consecuentemente, este congreso tivo dous obxectivos fundamentais: un primeiro, o estudo da figura de Santalices e os seus contributos como científico, luthier, divulgador, artista-intérprete ou como folclorista e como fixador do paradigma da gaita actual e indutor do proceso colectivo de recuperación da zanfona.

No apartado de contributos científicos o Congreso encargou ao debuxante etnográfico Xosé Ramón Marín a realización de planos técnicos coas medicións precisas para contruír dous modelos de gaita: en Do e en Si bemol.

Participaron no congreso: Cástor Castro Vicente, José Luis do Pico Orjais, Luis Rei, Ramom Pinheiro, Xavier Paz, José Luis Forneiro, Santiago Prado Conde, Olimpio Xiráldez, Xoán Ramón Marín Martínez, Félix Castro Vicente, Iván Area, Xulio García Bilbao, Pancho Álvarez, Xaneco Tubío, Antón Seoane, Luciano Pérez Díaz, Nuria Serrano Téllez, Xaime Estévez Vila.

Actas do Congreso que inclúe carpeta con 9 planos:

Congreso Faustino Santalices. Ciencia da gaita, consciencia da zanfona. Tradición musical galega

CONSEGUIR O LIBRO

 

Share on FacebookTweet about this on Twitter