Descripción
Premios Abrente de Textos Teatrais 2018
Director da serie Roberto Pascual
O día no que bicar a terra, Avelina Pérez
O día no que bicar a terra é un exemplo representativo do universo escénico de Avelina Pérez. Nos seus textos atopo constantemente inclinacións chave que desenvolven o devir dos acontecementos metateatrais: a rebelión, a desobediencia, a resistencia, a consciencia…
A través dunha estrutura repetida paseamos cun sentido do humor irónico, escuro e, ás veces, ata cruel, polos pensamentos da autora e directora que nos proporciona as instrucións para levar a cabo esta peza (im)posible de representar.
Para min, se se me permite, Avelina Pérez é unha das autoras da escena contemporánea imprescindibles, unha compañeira de viaxe, un ser humano que abandeira as súas contradicións como parte do seu proceso de evolución, vital e profesional. Comprometida co social, o político e o humano, a través do seu humor brutal colócanos fronte a un espello para que nos devolva a imaxe real e transformada do que somos.
Atreverse a mirar non é sinxelo, pero si necesario.
Extracto de IDEAS PARA UN PRÓLOGO de Raquel Hernández
Deste texto, e en xeral da maneira de escribir/vivir de Avelina Pérez, gustaríame destacar un gusto que compartimos, o gusto pola dirección contraria por se acaso, refutar o aprendido, atender ao pensado e entender o imposible como mapa para atravesar un territorio hostil. A experiencia e a experimentación como medio de transporte.
En O día no que bicar a terra lemos a unha Avelina buscona, ulindo paixóns, furgando no lixo ata atopar un sorriso para unha festa triste e vital. Atopámola atravesando a fronteira do posicionamento, para chegar ao absurdo e ridiculizar. Chea de sentido do humor, capaz de escribir unha gargallada debaixo duns ollos deses que se asomaron tantas veces á vida sen adornos.
Extracto do prólogo DESDE O LUGAR MÁIS OFENDIDO
DO CEREBRO de Pedro Fresnada