Descripción
Narrativa
Os infinitos privados escollen as deshoras coa lexítima intención de recrearse na anchura da soidade, pero cada intento é certamente unha paranza sospeitosa. Un abranguer nimbos dificilísimos que subtraídos do encadre rematan, coma o chocolate, quecendo nos dedos
“Hai aqui un álbum familiar do desarraigo no que comparecen rostros marcados por engurras que foron dias entregados a celebrar a consternación, paisaxes re-sentidas que consagran os escuros desacougos da infancia, lugares onde a memoria segue a sangrar, privadísimos recantos onde, como quería Henry James, somos quen de ollar as lembranzas fite a fite sen nos tremar o pulso, ámbitos que nos desvelan a insensatez de lamentar o inevitable, declaracións xuradas de que tanto como o que se é, somos o que o tempo nos deixa ser, sarcásticos nomes que enuncian os desastres das historias de amor irremediable e que agora regresan evocados tan só para verificar a lúcida evidencia de que o amor é, sobre todo, o que non se ten…”
MANUEL GUEDE OLIVA
no prólogo do libro
Por vontade, decidín –hai moitos anos- ir e vir sen dar explicacións nin sequera para desfacer equívocos. Algún silencio costoume unha derrota; daquela, os silencios e as derrotas eran cousas diferentes. Cando intuín o desengano, non tiven que esperar moito. Compareceu indolente e exacto, e nun lugar inapropiado, recoñecémonos. Dende entón, perdémolo todo. Menos as noites.
CARMEN PEREIRAS