Descripción
Prólogo de Antón Baamonde. Ilustracións de Antonio Fernández Seoane e Marcos Lorenzo.
Galiza ten experimentado nas últimas décadas unha profunda transformación social e cultural por mor da demolición das estruturas tradicionais e a invasión masiva dos imaxinarios da modernidade. O salto xeracional que se produciu foi traumático, nomeadamente naquelas capas sociais que fixeron o tránsito do campo á cidade. Os resultados témolos á vista en forma de conflito familiar entre pais e fillos (loita de casas), défice de pautas de vida (neurose) e predominio do que o autor denomina «cultura do medo» fronte a outras psicoloxías colectivas máis sas e desexábeis («cultura da vontade»). Este drama soterrado, de grande impacto na experiencia íntima de moitos galegos e galegas, apenas foi tratado polos ámbitos académicos do noso país.
Liquidación de Existencias é un texto prometeico que une pensamentos, humores e poemas, sen atender a fronteiras estilísticas ou temáticas de ningún tipo. A medio camiño entre o dietario de autor, ao modo dun Nietzsche, Benjamin ou Pessoa, e a antropoloxía experimental, sen referentes claros por estas latitudes, o Liquidación de Existencias inaugura o xénero aforístico en Galiza. A través deste collage, o autor persegue acceder a unha comprensión persoal e integral do mundo no que estamos inmersos, propoñendo aos lectores unha nova forma de interpretar a nosa realidade, tanto naqueles aspectos máis exclusivos da historia social de Galiza, como nos que se derivan das convulsións globais da contemporaneidade. — Textos en galego e castelán.
«A experiencia de ler Liquidación de Existencias é similar á de situarse ante un muro cheo de graffitis: ese fragmento dispoñible da vida urbana que o artista non oficial escolle para enviar a súa mensaxe coma quen tira unha botella ao océano, na esperanza de atopar, no viandante casual, o interlocutor apropiado, alguén a quen aquel trazo lle xere unha resposta. A diferenza radica en que, neste caso, o autor da gamberrada, da suma de digresións, reflexións, insultos, máximas, sentenzas e demais artillaría verbal aquí reunida, correspóndese cunha soa persoa, o suficientemente arrogante como para declararse autor de todos os signos esparexidos pola superficie da parede que este libro é.»
Antón Baamonde