Descripción
Edición de Francisco Xosé Fernández Pérez.
O traballo de Xosé Carlos Caneiro nas páxinas de La Voz de Galicia, a través de columnas en diversas seccións, queda reflectido nesta selección de artigos publicados orixinalmente entre 2000 e 2006. Reflexións que van desde o intimista até o político, desde a ficción até a realidade, compoñen esta escolma do traballo en prensa dun dos escritores fundamentais na nosa literatura.
Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963). Estudou Maxisterio, Filoloxía Hispánica e Xeografía e Historia. É asesor do Centro de Formación do Profesorado de Ourense e profesor do Curso de Interpretación e Creación Literaria da Universidade de Vigo. O seu primeiro recoñecemento como escritor foi o Premio Ourense de Contos en 1984. Entre os seus moitos libros encóntranse O infortunio da soidade (Premio Xerais 1992), Ébora (Premio Blanco Amor de Novela Longa e Premio Eixo Atlántico 2000), A rosa de Borges (Premio Risco de Literatura Fantástica 2000), Talvez melancolía (diario do home imposible) (Premio de Novela Manuel García Barros 1999) e Un xogo de apócrifos (Premio Torrente Ballester 1996, Premio da Crítica e finalista do Premio Nacional de Narrativa 1998). A súa faceta como autor de poesía ficou reflectida en volumes como Da túa ausencia (Premio Celso Emilio Ferreiro de Poesía 1989), Estación sur (Premio de Poesía Cidade de Ourense 1992) ou A valga do triste amor (Premio Xohán Carballeira 1997), e no disco De bar en bar (Zouma, 2006). En 1999 recibiu o premio de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo.
Entre os seus últimos libros están a novela Ámote (Galaxia, 2003) e os ensaios Jorge Luis Borges (Espasa-Calpe, 2003) e Os dominios de Caín (Galaxia, 2006).