Descripción
Na súa modalidade de Banda Deseñada, o Certame Galego de Creadores Novos «GZcrea 2007», buscaba traballos inéditos, de técnica e temática libres e cunha extensión mínima de dez páxinas, realizados nos formatos DIN A4 ou DIN A3.
O xurado –que se reuniu o 5 de setembro de 2007 nos locais da Casa da Xuventude de Ourense– foi presidido polo subdirector xeral de Xuventude e Solidariedade, Eduardo Mato, e estivo formado por Marta Arribas, Agustín Fernández Paz, Xaquín Marín, Carlos Portela e Kiko da Silva; Benito Losada actuou como secretario sen voto. O 1.º Premio foi declarado deserto; o 2.º Premio (dotado con 1.500 euros), foi outorgado a Jerónimo Piñeiro de Castro, pola obra titulada «Teo vai ó inferno»; e o 3.º Premio (dotado con 1.000 euros), a Brais Rodríguez Verde, pola obra «A casa de mamá». Nesta edición engádense tamén os dous traballos finalistas, que foron expostos, xunto cos gañadores, na mostra incluída –ao igual que o acto de entrega dos premios do certame– no programa das XIX Xornadas de Banda Deseñada de Ourense. Ditos traballos finalistas son «Crebacabezas», de Laura Velasco Vázquez, e «Depresión», de Alba María González López.