Descripción
Catálogo da exposición Feísmo ilustrado, preparada co gallo do II Foro Internacional do Feísmo (Ourense, 4-6 maio 2007), con obra de 15 ilustradores e humoristas gráficos acerca das desordes urbanísticas. Traballos de Jacobo Fernández, Ánxeles Ferrer, Forges, Fran Jaraba, Leandro, Siro López, Xan López Domínguez, Xaquín Marín, Pinto & Chinto, Miguelanxo Prado, Miguel Robledo, Kiko da Silva, Alberto Vázquez, Óscar Villán e Xosé Lois. Exposición comisariada por David Pintor ‘Pinto’.
«Non hai moito, atopei nun libro un debuxo de Antonio Tenreiro, grande arquitecto e magnífico pintor falecido recentemente. O artista percorreu Europa e realizou centos de acuarelas e debuxos das máis importantes cidades.
Nese volume, entre outros moitos debuxos, aparecía un marabilloso apuntamento da vila coruñesa de Pontedeume, situada nunha paisaxe natural inigualable nas Rías Altas coruñesas. […] Antonio non reflectiu nun papel como era Pontedeume, senón o bonita que chegou a ser esta vila. Fixo un magnífico exercicio de abstracción que consistiu en seleccionar, entre o que vía, o que era Pontedeume.
Este exercicio de abstracción é moi práctico e recomendable para todos aqueles que aínda non tomaron conciencia do mal que se lle está a facer a Galicia. O exercicio en cuestión é moi doado: consiste en acudir a calquera vila costeira galega, situarse nun promontorio ou miradoiro que nos permita ter unha visión panorámica da zona, e contemplar o que se sitúa diante nosa. Neste intre intentaremos «borrar» coa mente todo o que nos estorbe. Nese mesmo instante, tomaremos conciencia do patrimonio paisaxístico que temos o privilexio de ocupar, e como incomprensiblemente o estamos estragando. […]»
David Pintor Pinto
Máis información sobre o libro e o Foro do Feísmo en www.feismo.com