Meu Amigo Martín Codax

No inconmensurable corpus da lírica trobadoresca galego-portuguesa cabe destacar a obra poética do xograr cantor do mar de Vigo Martín Codax, non só pola súa altísima sensibilidade poética senón tamén porque destas cantigas de amigo conservamos as anotacións musicais que nos permiten aproximarnos con maior rigor e deleite á nosa lírica medieval.

Martin-codax-foto-prensa

Portada da revista dominical «Estela» («Faro de Vigo»), 1 de xuño de 2014

 

Cúmprense cen anos neste 2014 da feliz e casual descoberta do pergameo que contén anotacións musicais. Foi o bibliógrafo Pedro Vindel quen encontrou o pergameo na súa biblioteca, servindo de folla de garda a un volume de De officiis de Cícero.

O Pergameo Vindel –así chamado na honra do seu localizador- legounos as anotacións musicais de seis das sete cantigas de Martín Codax, sendo durante longo tempo o único testemuño conservado da música dos nosos trobadores ata que no ano 1990 foron localizadas na Torre do Tombo en Lisboa as anotacións das sete cantigas de amor de Dom Dinis noutro documento chamado Pergameo Sharrer.

O PROXECTO MARTÍN CODAX é unha iniciativa de Difusora de Letras, Artes e Ideas dirixido por Xavier Paz e baixo a responsabilidade artística do grupo de música antiga Ars Anterga, que se concretou na realización dun concerto e a edición dun disco.

En ambos, recóllense, dunha banda, a interpretación actual que o propio grupo ARS ANTERGA fae do que serían as sonoridades daquelas músicas medievais, e doutra, as propostas e reinterpretacións de sete grupos ou formacións musicais da cidade de Ourense, algunha creada ad hoc para este proxecto, que tratan as cantigas de amigo de Martín Codax desde perspectivas contemporáneas e desde os seus respectivos xéneros musicais. Son:

BIRD OF HERMES PROYECT, BURGAS BEAT, COLECTIVO AR, CHAMUYO TANGO, MARÍA MENDOZA, MCARBALLO e OS AMIGOS DOS MÚSICOS

O PROXECTO MARTÍN CODAX contou cos instrumentos construídos no Obradoiro-Escola de Instrumentos Populares da Deputación de Ourense por Manuel Brañas a principios dos anos noventa, reprodución dos instrumentos esculpidos na pedra do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense.

A Vicerreitoría do Campus de Ourense fixo seu o proxecto do concerto que foi celebrado o día 17 de decembro na Sala Marie Curie do Edificio Politécnico e constituiu o Concerto de Nadal da institución universitaria cun enorme éxito de público e a presencia dos máximos responsabeis dos tres Campus e da Universidade Sul de Galiza.

A Concellería de Xuventude e Participación Cidadá do Concello de Ourense, pola súa banda, patrocinou parte dos custes de edición do disco/CD que será presentado en breve.

Cabe por último salientar a colaboración de tres cafés da cidade de Ourense que manteñen unha destacada actividade musical -Café Cultural Auriense, Café-Pop Torgal e Jam Session- que prestarán os seus espazos para dinamizar pequenos eventos relacionados así como para o financiamento e divulgación do proxecto na cidade; e nalgún caso acollerán gravacións ao vivo e microconcertos divulgativos.

 [Póster / Carátula Fronte]    [Dorso]

Share on FacebookTweet about this on Twitter