Un amplo conxunto de accións exercidas sobre a vivenda e o patrimonio, nas cidades, nas vilas e no medio rural, e en xeral contra o territorio, déronse en chamar feísmo no noso país. É un termo aplicado máis aos aspectos formais do mostrado nunha serie de fotografías comentadas aparecidas esporadicamente nos medios de comunicación que a unha reflexión sobre a realidade captada nelas e a súa tipificación; considerouse porén necesario abordar xustamente isto último e para iso organizouse o I FORO DO FEÍSMO en novembro de 2004.

Sabendo que tomamos prestada unha palabra excesivamente ampla pero acompañada, iso si, dun amplo material de reflexión, que se recolle no libro Feísmo? Destruír un país, resultado do I Foro, convocamos o II Foro Internacional sobre o Feísmo, baixo o lema Construír un País: a rehumanización do territorio, para pensar desde Galiza sobre:

I.  A relación dramática home-territorio na presente etapa histórica: a destrución do lugar; os hábitats da pobreza; os tránsitos e migracións; os muros segregadores; a virtualidade.

II.  As agresións exercidas contra as cidades, as vilas e os núcleos poboacionais: a vivenda, a nosa segunda pel e articuladora de territorio, no seu epicentro.

III.  O modelo económico e socio-político no cal se producen.

IV.  Alternativas e iniciativas de resistencia.